Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual




Xunta de Galicia


Pautas específicas na organización interna do centro escolar
No caso do Protocolo Down (que está dispoñible no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24709), establécense unha serie de pautas específicas para a atención educativa a estes nenos que abrangue cuestións como a organización interna do propio centro, orientacións metodolóxicas e de aula, medidas curriculares, seguimento do alumnado e orientacións para as propias familias.

No que se refire á organización interna dos centros cómpre destacar que se buscará a estabilidade do profesorado que atende a estes alumnos, e se potenciará a figura do titor como profesional de referencia tanto para o alumno como para o resto do equipo docente e da propia familia. Ademais, promoverase a participación do alumnado en todas as actividades de grupo dentro e fóra da aula, e poñeranse en valor e daráselle visibilización a situacións de éxito.

Orientacións metodolóxicas
O documento recolle unha serie de orientacións metodolóxicas sobre a comunicación na aula; sobre a adaptación dos ritmo de traballo en función da especificidade de cada caso; sobre a presentación dos contidos e materiais de aprendizaxe nas distintas modalidades sensoriais (imaxes, gráficos, debuxos, pictogramas,...), e sobre as normas (responsabilidade no coidado de material, por exemplo), entre outros.

Ademais, para mellorar a autoestima do alumno, primarase a valoración do esforzo sobre outros aspectos académicos.

Medidas curriculares
Respecto ás medidas curriculares, avógase pola interpretación flexible do currículo, cunha programación na aula que se adapte ás características do conxunto do estudantado, e que conte cos recursos e apoios necesarios para a participación integral e efectiva do alumno ca síndrome de Down na dinámica da clase.

Para iso recoméndase a aplicación de metodoloxías e estratexias de ensino-aprendizaxe que sexan flexibles, participativas e creativas; e propiciar situacións centradas nas potencialidades do alumnado. Nesta liña é importante aproveitar as múltiples posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información e comunicación. Naqueles casos nos que estas adaptacións non sexan suficientes, a lexislación prevé medidas extraordinarias como a adaptación curricular.

Avaliación e seguimento do alumnado
O protocolo recolle uns apartados específicos sobre a avaliación e o seguimento do alumnado nos que se establece prestar especial atención á avaliación inicial de cada alumno co fin de determinar o seu nivel de competencia e, deste xeito, poder elaborar unha programación específica de aula atendendo ao seu nivel de desempeño. Trátase de personalizar a avaliación adaptándoa ás peculiaridades dos nenos e asegurando a súa concordancia coa metodoloxía de aprendizaxe.

Canto ás accións de seguimento, establécese unha avaliación trimestral na que se valoren as medidas de atención á diversidade que está a recibir o alumno en cada caso.



Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »